A Deputación ofrece un sistema de identificación de bicis e patinetes para disuadir dos roubos e facilitar recuperacións
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vén de ofrecer aos "Concellos Ágora" implantar nos seus territorios o BiciRexistro, un sistema de identificación de bicicletas e patinetes para disuadir de posibles roubos e facilitar recuperacións.
Este mércores celebrouse unha reunión informativa do departamento provincial de Mobilidade e a Rede de Cidades pola Bicicleta (RCxB) na que participaron representantes políticos, técnicos e policías locais de 38 municipios que amosaron un grande interese pola inciativa debido ao aumento progresivo destes vehículos nas vilas e cidades da provincia.
O deputado Uxío Benítez destacou que o BiciRexistro é unha ferramenta moi útil para as persoas usuarias e tamén para as policías locais, xa que permite o control das bicicletas e patinetes de cada localidade e dá acceso a unha base de datos estatal de alertas de desaparicións e localizacións.
Segundo explicou o técnico da Rede de Cidades Pola Bicicleta Ignacio Junoy, o BiciRexistro é o sistema estatal de rexistro que conta coa participación dos propios concellos, das súas policías locais, a Dirección Xeral de Tráfico e os Xestores Administrativos.
Junoy explicou que, para os concellos participantes, están habilitados na plataforma da RCxB dous sistemas de procura de bicicletas: unha listaxe de "bicicletas desaparecidas" onde se poden atopar todas as bicicletas rexistradas que desapareceron, para tentar devolvelas á persoa propietaria; e unha listaxe de "bicicletas localizadas", onde se publicitan todas aquelas bicicletas que non estiveron rexistradas con antelación, foron localizadas por un corpo de policía e almacenáronse nun depósito municipal á espera de atopar propietaria.
Para que bicicletas ou patín estean ‘controladas’, o seu rexistro no BiciRexistro pode facerse de dúas maneiras por parte da persoa propietaria. A primeira é en liña e gratuíta na web da RCxB e só recolle datos básicos; e a segunda é o rexistro validado cun kit de marcaxe personalizado (por sete euros).
Este último, unha especie de matrícula, é o que consegue unha diminución de roubos posto que o kit que incorpora un número único xunto a un código QR para cada bicicleta, recolle todos os datos nunha listaxe a nivel estatal, e identifica cada unha das bicicletas con cadanseu propietario. O kit componse de catro vinilos fabricados nun material de moi difícil extracción da bicicleta ou patín e que, en caso de manipulación, deixan un rastro de adhesivo moi potente.
O principal beneficio para os concellos que participan na iniciativa do BiciRexistro é que a Policía Local da localidade ten acceso directamente á base de datos da RCxB, sendo a procura do vehículo moito máis sinxela e sen limitacións. Ademais, o BR é dunha ferramenta que permite dar a coñecer as bicicletas que están no depósito municipal e que en moitos casos acaban na chatarra por non atopar ás persoas propietarias.
Unha vez rematada a reunión deste mércores, os concellos asistentes deberán trasladar á Deputación o seu interese en participar na iniciativa. Entón remitiráselles toda a documentación e deberán designar unha persoa técnica municipal para a administración de zona -para validación dos rexistros e xestión dos kits- e tamén se dará acceso á plataforma á Policía Local, sempre coa formación previa necesaria.