Condenan dous empresarios pontevedreses por falsificar a firma dun traballador falecido
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra resolveu este martes mediante un acordo de conformidade un xuízo por un delito de falsidade en documento privado.
Os dous administradores dunha empresa admitiron que falsificaron a firma dun traballador falecido co obxectivo de eludir as súas responsabilidades penais e civís no sinistro de carácter laboral. O operario faleceu o 13 de agosto do 2012 cando se atopaba traballando na reparación da cuberta dunha nave ao ceder unha plancha e caer desde unha altura de máis de nove metros.
O fiscal solicitaba inicialmente un ano de cárcere para cada un deles pero en virtude deste acordo a pena reduciuse a 9 meses, interesando a suspensión do seu cumprimento por un prazo de dous anos. A acusación particular adheriuse a este acordo.
O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra instruíra dilixencias contra os procesados polos posibles delitos contra os dereitos dos traballadores e homicidio por imprudencia grave.
Segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Público, tras o falecemento do traballador e o avance do proceso penal polos feitos, no ano 2012, "movidos pola intención de eludir as súas responsabilidades tanto penais como civís, en detrimento dos prexudicados, os dous acusados, postos de común acordo, elaboraron por si ou por terceiro á súa instancia, dous escritos nos que imitaban a firma do traballador"
A Fiscalía sosteñen que no primeiro dos escritos "indicábase, faltando á verdade, que o traballador fora nomeado recurso preventivo da obra", mentres que no segundo referíase que se lle entregaban "os elementos de protección individual para a execución da obra".
Os empresarios entregaron ambos os documentos ao seu letrado para que este os achegase ao procedemento polo accidente laboral.
Con data 20 de outubro de 2015, o Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra ditou sentenza, condenando a un dos empresarios como autor dun delito de homicidio por imprudencia grave e un delito contra a seguridade no traballo e absolvendo ao seu socio.
Aquela sentenza, despois de facer referencia a ambos os escritos e sinalar as dúbidas acerca da súa autenticidade, concluía que a causa do accidente debeuse sobre todo á ausencia de medidas de protección colectiva pois non se instalaron redes horizontais.
Na súa parte dispositiva ordenaba deducir testemuño dos dous escritos achegados pola defensa e das probas periciais practicadas "por se fosen constitutivos de infracción penal" motivando esta causa que se ha resolvido este martes cun acordo entre as partes.
A sentenza é firme e contra ela non cabe interpoñer recurso de casación.