Ribadumia estrea melloras en instalacións deportivas co apoio da Xunta
Por Redacción
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, comprobaba este xoves no concello de Ribadumia as actuacións de mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos en servizos municipais que contaron cunha achega da Xunta de preto de 35.000 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.
Entre as actuacións realizadas atópase a reforma do subministro eléctrico no campo de fútbol de Barrantes e no preescolar do C.P.I. Julia Becerra Malvar. O concello de Ribadumia contou tamén con material deportivo para o ximnasio de Cabanelas, padiola para o posto de primeiros auxilios na piscina municipal, tatami para o ximnasio de Barrantes así como unha portería de fútbol para o campo de fútbol de Barrantes.
Tal e como indicou a directora xeral, trátase de pequenas actuacións que redundan en beneficios para a veciñanza. Ao tempo que destacaba a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas dos seus cidadáns.
O concello de Ribadumia recibiu nos últimos anos mais de 800.000 euros de varias axudas da Vicepresidencia da Xunta. Ademais tamén foi receptor este ano dunha axuda conxunta coa Mancomunidade Municipal Voluntaria do Salnés para unha instalación solar fotovoltaica de autoconsumo instantáneo na estación de tratamento de case 84.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental.