A subdelegada do Goberno dá a benvida aos novos inspectores da Policía Nacional
Por Redacción
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu este venres a cerimonia de xura do cargo dos novos inspectores de Policía Nacional en Pontevedra, un acto no que estivo acompañada polo comisario superior de Policía de Galicia, José Luis Balseiro, e a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.
Durante a súa intervención, a subdelegada do Goberno quixo, en primeiro lugar, trasladar as súas felicitacións aos novos inspectores, así como lembrarlles o rol que lles designa a Constitución. "Estou segura de que sempre os moverá a misión de protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades da cidadanía do noso país", afirmou.
Así mesmo, Larriba destacou o labor desempeñado pola Policía Nacional ao longo do ano pasado debido a situación da pandemia na provincia, subliñando a súa posición "á beira da cidadanía, informando e asesorando, pero tamén sancionando a aqueles que de maneira despreciativa incumprían a normativa sanitaria poñéndonos a todos en risco". Do mesmo xeito, a subdelegada lembrou o valor de todos os axentes que permaneceron nas rúas mentres o resto da sociedade permanecía confinada, "por este traballo, esta provincia sempre estará en débeda convosco".
A mandataria expresou tamén a súa preocupación polo comportamento de determinados grupos illados que reclaman os seus dereitos usando a violencia, á vez que lembrou que "os cidadáns e cidadás deste país saben que a esta non é unha forma de defender as ideas e, desde logo, como subdelegada deste Goberno, pero sobre todo como cidadá, sempre a rexeitarei".
Así mesmo, a socialista fixo referencia a certos comportamentos deleznables que se puideron observar na última semana nunha localidade no sur do país, "protagonizados por membros do voso corpo, pero que non vos representan nin representan o voso traballo".
Ademais, Larriba lembrou o compromiso do Goberno de España con este corpo, que se materializou no mantemento durante este ano da taxa de reposición nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no 115 por cento para ir recuperando a diminución de efectivos anterior e co acordo salarial de 2018 para a equiparación salarial, "dous obxectivos básicos para dignificar o voso traballo que finalmente se fixeron realidade".
Por último, a socialista concluíu facendo partícipes aos novos inspectores "da necesidade dun plus de traballo sobre a principal lacra que temos na nosa sociedade: a violencia machista. Sodes a punta de lanza desta guerra que loitamos sen cuartel e que aínda nos sobresalta cada vez que unha muller é asasinada polo simple feito de ser muller".
En total son 12 os funcionarios pertencentes á trixésimo segunda promoción da escala executiva da Policía Nacional que hoxe xuraron os seus cargos de inspectores na provincia, seis en Vigo e seis en Pontevedra, mellorando así os recursos humanos e a xerarquía de postos intermedios no territorio provincial.