"Os coidados en tempos de covid", dende unha perspectiva feminista
Por Redacción
O Colectivo Feminista Zeivas adiántase á celebración do Día Internacional das Mulleres cunha charla online titulada "Os coidados en tempos de COVID: unha perspectiva de xénero" coa participación das activistas Lola Ferreiro Díaz e Rita Gallego.
Realizarase a través da plataforma Zoom este sábado 20 de febreiro a partir das 18:00 horas e as persoas interesadas poderán inscribirse gratuitamente a través do correo electrónico zeivascolectivofeminista@gmail.com para recibir o enlace de conexión ao faladoiro.
Licenciada en Medicina e Cirurxía, Lola Ferreiro Díaz é catedrática de Procesos Sanitarios, docente e investigadora no departamento de Psiquiatría da Universidade de Santiago. E Rita Gallego é a impulsora da Plataforma Servizo de Axuda no Fogar (SAF Galiza), que conta con varios grupos de traballo a nivel autonómico.
Lola Ferreiro Díaz e Rita Gallego compartirán a súa experiencia nun encontro moderado por Sandra Pesqueira, do Colectivo Zeivas, para poñer en valor a importancia dos coidados en clave feminista, un ano despois de que a crise do coronavirus mudase por completo a vida cotiá, afectando especialmente os colectivos máis vulnerables.
CLUB DE LECTURA
En vésperas do 8M, Zeivas tamén retoma o seu Club de Lectura, animando a todas as persoas interesadas a sumarse a esta iniciativa coa obra O axolote e outros contos de bestas e auga, da escritora marinense Lara Dopazo. Distinguido co Premio Illa Nova 2020 e editado por Galaxia, trátase dun libro de relatos de temática sobrenatural nos que a autora combina o humor e a intriga, o probable e o imposible, o humano e mais o prodixioso.
O Colectivo Zeivas facilitará a ligazón do faladoiro a través do seu enderezo de email e tamén nas súas canles en Facebook e Instagram.