O paraugas seguirá a ser o mellor aliado nesta fin de semana
No que atinxe ao xoves 4 de febreiro, aínda persiste aire frío en capas altas da atmosfera, o que deixará certa inestabilidade. Segundo o servizo de MeteoGalicia os ceos estarán parcialmente cubertos durante todo o día do xoves, con chuvascos que pola mañá serán máis probables na provincia de Ourense e sur de Pontevedra e á tarde chegarán ao resto da comunidade.
As temperaturas mínimas descenderon lixeiramente (ata os 8 grados) e as máximas non terán cambios significativos (manteranse sobre os 17 grados). O vento soprará frouxo de compoñente sur virando a norte ao final do día.
O venres haberá unha borrasca que comezará polo sur de Portugal. Así, os ceos estarán parcialmente cubertos durante a mañá con algún orballo no terzo norte. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso.
Durante o sábado as baixas presións localizaranse no leste da península Ibérica polo que introducirán aire algo máis frío que nos días anteriores procedente do norte. Agardamos unha xornada de ceos parcialmente nubrados, as temperaturas sufrirán un descenso, máis acusado nas máximas (arredor dos 13 grados e cunha mínima de 6 grados). Os ventos soprarán do norte, moderados no litoral.
O domingo Galicia quedará baixo a influencia dunha borrasca situada ao oeste de Irlanda, que enviará unha fronte cálida durante a mañá deixando os ceos moi cubertos con chuvia miúda e intermitente e unha fronte fría a partir do mediodía con choivas persistentes en toda a comunidade.
As temperaturas mínimas atoparanse sobre os 5 grados en Pontevedra e Vigo, mentres que as máximas situaranse sobre os 13 grados. O vento soprará moderado de compoñente sur.
Para os seguintes días agárdase unha alternancia de períodos de ceos moi anubrados con outros con nubes e claros. Agárdanse precipitacións o xoves pola tarde e o venres pola noite. As temperaturas serán normais para esta época do ano, con valores que globalmente se atoparán en descenso moderado. No referido ao estado da calidade do aire, manterase bo en xeral.
A probabilidade de precipitación será elevada en Galicia durante este período, co paso de sucesivas frontes atlánticas asociadas as borrascas que circularán preto do norte peninsular e de novo con predominio de ventos do suroeste. As temperaturas non experimentarán cambios significativos.