Sancionan un traballador dos cemiterios municipais por utilizar maquinaria pública na súa casa
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra expedientou un funcionario municipal por utilizar medios públicos con fins privados tras comprobar que levou a casa para usar nunha cuestión persoal maquinaria do seu posto de traballo.
Trátase, segundo deu a coñecer a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, dun funcionario do servizo de cemiterios que presta servizo en varios camposantos municipais e sobre o que o Concello tiña informacións de que estaba a actuar de forma irregular.
Este traballador colleu unha rozadora municipal que usa habitualmente no seu posto de traballo, levouna á casa e fixo un uso privado da mesma, por iso é polo que se optase por sancionalo.
O Concello comprobou que este proceder era certo, abriulle expediente e, unha vez superado o prazo de alegacións, resolveuse impoñerlle unha sanción de suspensión de funcións durante cinco días.
NOVA LICENZA URBANÍSTICA
Este expediente analizouse este luns no marco da Xunta de Goberno local, fóra da orde do día. Tamén nesa reunión deuse conta da concesión dunha nova licenza urbanística para construír un edificio de 48 vivendas novas no barrio da Parda.
Esta nova licenza refírese á unidade de actuación 13, unha das dous existentes neste barrio na actualidade, e prevé a construción dun novo inmoble á beira dunha actualmente en obras na contorna de Pedra do Lagarto.
Segundo a información facilitada, trátase dun proxecto de Abeleira Inversiones S.L. cun orzamento de 3,7 millóns de euros, de modo que pola licenza abonarase ao Concello de Pontevedra 37.524 euros.
O goberno local realiza unha valoración positiva desta nova licenza, en tanto significa que se "segue reactivando este barrio", que xa nos últimos anos experimentou un "crecemento notable".