Tres cámaras robotizadas retransmitirán os plenos de Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo sacou a licitación a mellora do sistema de emisión de imaxe e son dos plenos municipais coa intención de garantir a correcta emisión vía streaming con boa imaxe e bo son a través da canle de Youtube.
Actualmente hai numerosas deficiencias no sistema que se utiliza para a retransmisión das sesións, tal e como recoñece o goberno local que lidera o alcalde Telmo Martín. Co actual sistema prodúcense fallos e diferentes contratempos nas emisións e dificulta que a veciñanza poida seguir a transmisión.
Por este motivo, o novo contrato contempla a subministración, a instalación e mantemento dun sistema que permita unha correcta transmisión dos plenos. O novo prego para licitar este servizo sae a concurso por 25.095 euros.
Desta forma, as bases teñen en conta que o único micrófono ambiente actual sexa substituído por un individual para cada concelleiro. O novo servizo incluirá un sistema de control de debates e votación dixital. Ademais, dúas pantallas dun mínimo de 40 polgadas situaranse nos laterais do salón de plenos e servirán para establecer o tempo máximo de intervención e o sentido da votación en cada punto. A mellora no son, segundo o goberno local, permitirá realizar actas electrónicas de forma automática e cada pleno gravado asinarase de forma dixital.
A actual cámara de vídeo de visión panorámica será cambiada por un sistema de tres cámaras robotizadas que virarán en función das intervencións dos integrantes do pleno.
O prazo máximo de instalación e posta en marcha do novo sistema deberase realizar en dous meses. A intención do goberno local é que se xere unha plataforma municipal desde a que se transmitan as sesións plenarias sen necesidade de utilizar, como ata o de agora, a canle de Youtube.