Un viandante agrede un esmoleiro mentres pedía na rúa a plena luz do día
Por Redacción
Un esmoleiro foi agredido a plena luz do día e nunha rúa moi transitada de Vilagarcía de Arousa. A agresión produciuse na avenida da Marina e chegou a oídos da Policía Nacional grazas á alerta de varios mozos que presenciaron os feitos.
Segundo publica Diario de Arousa, un viandante agrediu ao esmoleiro cando este pedía esmola. Varios mozos que presenciaron o incidente interpuxéronse entre o suposto agresor e a súa vítima e lograron frear os golpes.
A pesar de que os feitos chegaron a oídos da Policía Nacional e conta con testemuñas, a suposta vítima atendeu ás preguntas dos axentes, pero non quixo presentar denuncia polo ocorrido.
O mesmo periódico recolle que o esmoleiro leva unha longa tempada na zona na que foi agredido e nunca foi protagonista de ningún tipo de incidente. En canto ao suposto agresor, ao parecer, non é a primeira vez que protagoniza un feito similar.