Cruz Vermella distribúe alimentos de primeira necesidade a 16.685 pontevedreses
Por Redacción
Un total de 16.685 pontevedreses recibirán alimentos de primeira necesidade para facer fronte á actual situación de crise económica e garantir que as familias máis necesitadas teñan acceso a produtos básicos para unha correcta alimentación.
Os colectivos aos que se dirixe son os máis 'fragilizados', como familias con todos os seus membros en paro, nenos que viven en fogares pobres, persoas maiores con responsabilidades familiares sobrevindas pola precarización familiar, persoas paradas de longa duración; persoas sen fogar e mozos en paro.
Os alimentos chegaranlle a través de Cruz Vermella Española dentro do seu Plan de Alimentos 2012, que depende do Fondo Español de Garantía Agraría (FEGA), encadrado nas medidas de regulación do mercado de produtos agroalimentarios da Política Agrícola Común (PAC).
Entre os alimentos que se van a distribuír nesta fase figuran produtos lácteos como leite, derivados de cereais como distintos tipos de pasta alimenticia e galletas, ademais de arroz, e legumes como, garavanzos e fabas, e outros alimentos como aceite, conservas de atún, de xudías verdes de tomate frito e alimentos destinados á poboación infantil como papillas de cereais e leite de continuación
O reparto na provincia de Pontevedra realízano Cruz Vermella Española e a Federación Española de Bancos de Alimentos. Cruz Vermella distribúe a 16.685 persoas, a través de 90 entidades da provincia.
Durante este ano e debido á actual crise, organizouse a entrega de alimentos tamén para as persoas que atendemos directamente nos programas de Cruz Vermella a través das nosas Asembleas na Estrada, Baixo Miño, Salnés, Vigo, Ponteareas e Pontevedra. En concreto, desde a sede de Cruz Vermella en Pontevedra entregáronse paquetes de alimentos a 29 familias da cidade das que atenden habitualmente.