Celebración das badaladas no CEIP de Ponte Sampaio con uvas para os maiores e 'gusanitos' para os pequenos
Por Redacción
A situación da pandemia da covid-19 obrigou ao equipo directivo do CEIP de Ponte Sampaio a tomar a decisión de prescindir da celebración do tradicional festival de Nadal. Malia todo, o alumnado festexou o fin de ano e o Nadal por adiantado este martes, no último día antes das vacacións.
"Este ano non foi posible realizarmos o festival de Nadal, pero aínda así non quixemos deixar sen celebrar unha época tan especial e despois dun ano tan difícil", manifestan desde a directiva.
Desde o CEIP de Ponte Sampaio lembran que "foi un trimestre complexo no que o alumnado e profesorado se adaptou a unha nova situación de xeito exemplar, conseguindo non ter ningún caso de covid-19 entre o profesorado e o alumnado".
Por este motivo, o profesorado do centro quixo agradecerlle aos escolares o seu esforzo durante este trimestre e convidalos a chocolate e rosca. "Quixemos con esta celebración destacar o comportamento do alumnado, especialmente o máis cativo, que se acostumou ás novas normas sen dificultades e son merecedores dos nosos parabéns", manifestan desde o centro escolar.
As actividades do día foron variadas e adaptadas ás diferentes idades. Por exemplo, ás 11 da mañá tocaron as badaladas, transmitidas de xeito simultáneo a través de pantallas habilitadas en cada aula. Os maiores tomaron uvas e os máis pequenos gusanitos.
A continuación, tivo lugar unha chocolatada con rosca, tamén distribuída por "grupos burbulla". Ademais, nas distintas aulas realizáronse actividades como o amigo invisible ou o reparto de felicitacións de Nadal entre o alumnado, sempre coidando todas as medidas de hixiene precisas.