O persoal de Ence Oficinas Centrais doa o importe das cestas de Nadal ao Banco de Alimentos de Monte Porreiro
Por Redacción
Na tarde deste venres 18, persoal de Ence Oficinas Centrais liderados por Ana Cedeira, presidenta do comité, acudían ata a sede do Banco de Alimentos de Monte Porreiro para facer entrega dun cheque de 8.157 euros a esta entidade para investir en produtos de primeira necesidade para familias que se atopan en situación de risco debido á actual crise económica.
Trátase dunha campaña que o Comité de empresa de Ence Oficinas Centrais decidiu levar a cabo con motivo destas festas de ceder o importe da cesta do Nadal a este colectivo de axuda social coa intención de que aquelas persoas que estean a pasar momentos difíciles conten con alimentos durante estas festas.
A doazón dos máis de 8.000 euros realizada a Carlos Diéguez, presidente da asociación O Mirador de Monte Porreiro, como representante do Banco de Alimentos simboliza o valor de 205 cestas de Nadal.
O acto foi moi emotivo e os traballadores da empresa recibiron cartas de agradecemento de veciños e debuxos de escolares que se verán favorecidos con esta axuda. Desde o Comité fan un chamamento a outras entidades e persoas particulares para que colaboren con estes colectivos nun momento economicamente complicado debido á pandemia.
Relacionadas:
-
Os hostaleiros inician unha campaña de captación de apoios á plataforma de afectados pola covid-19
Por Manu Otero |
-
Os hosteleiros doan a comida que non poderán vender polo peche ao banco de alimentos de Monte Porreiro
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Fluxo constante de doazóns para o Banco de Alimentos de Monte Porreiro, que xa supera as 200 familias
Por Redacción |