A Concellería de Educación reparte 24.670 euros de axudas entre as ANPAS
Por Redacción
As actividades extraescolares que as asociacións de nais e pais (ANPA) dos colexios públicos de Pontevedra organizaron durante o pasado curso escolar teñen apoio da Concellería de Educación. A pesar dos recortes neste eido, o Concello volverá repartir un total de 24.670 euros en subvencións, a mesma cantidade que vén asignando nos últimos tres anos.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, subliña que obteñen financiamento do Concello a totalidade das 20 ANPA que presentaron a documentación das actividades en tempo e forma. Trátase de dous máis que o curso anterior.
Fernández pon de manifesto o "esforzo económico que a Concellería está a facer por manter esta partida, atendendo así a unha petición unánime das asociacións de nais e pais, acentuada despois da desaparición de todo tipo de apoio económico dende a Xunta de Galicia".
O concelleiro destaca que, "de non ser polo apoio municipal, as ANPA non poderían organizar boa parte das actividades".
O concelleiro pontevedrés agradeceu publicamente a actitude do grupo municipal do Partido Popular, que votou favorablemente durante a Comisión de Avaliación celebrada esta semana.