A discoteca Zoo, a piques de seren demolida para construír 55 vivendas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Inmediato. Así será a derriba da histórica discoteca Zoo, en Sanxenxo. Sobre os seus cimentos construirase unha promoción inmobiliaria de 55 vivendas.
A comisión municipal de Urbanismo autorizou a demolición deste recinto, durante décadas unha referencia na noite de Sanxenxo.
A empresa SPV Reoco dispoñerá dun prazo de entre 6 meses e 3 anos para executar os traballos, pero non se demorará. Xa se presentou tamén no Concello o proxecto de obra para obter a licenza de construción das vivendas.
Esta urbanización, segundo destaca o goberno municipal, axudará a mellorar a imaxe da fachada dun vial moi transitado que, tras o peche da discoteca hai uns anos, ofrecía unha imaxe de abandono.
Na comisión de Urbanismo deuse licenza tamén á construción de novos apartamentos turísticos con soto na planta baixa, dous pisos, baixo cuberta e piscina no lugar do Camiño do Tombo na parroquia de Padriñán.
Ademais, autorizouse outro proxecto para apartamentos turísticos nunha edificación de planta baixa e alta no lugar de Mourelos en Noalla.