Dous menores, evacuados de madrugada por unha posible intoxicación por monóxido de carbono
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Os servizos de emerxencia tiveron que actuar na madrugada deste xoves 10 de decembro na céntrica rúa Echegaray de Pontevedra ante un aviso por posible intoxicación por monóxido de carbono.
Dous menores de idade foron evacuados por precaución polo 061 para someterse a un profundo recoñecemento médico, despois de que un deles chegase a perder o coñecemento aínda que posteriormente se recuperase.
O suceso tivo lugar ao redor das 1.30 horas da madrugada nun piso situado no número 6 da callle.
Ante a posibilidade de que se tratase dunha intoxicación, o persoal do 061 alertou aos Bombeiros de Pontevedra, que unha vez no lugar realizaron as pertinentes medicións detectando un nivel elevado no cociente de monóxido de carbono no aire.
A causa desta situación podería estar nunha cociña tipo grellada que se atopaba na vivenda.
Segundo explicaron os Bombeiros, foi necesario proceder á ventilación do piso para que descendesen os niveis de monóxido de carbono. Unha vez ventilada, o dispositivo de emerxencia abandonou o lugar, ao fío das 2.00 horas.