Rueda anuncia que a Xunta fará un cribado entre os traballadores da hostalería e do turismo
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente primero y conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciou este luns que Sanidade realizará un cribado de detección da covid-19 entre os traballadores da hostalería e do turismo ao longo das próximas semanas. O obxectivo é "chegar á maior parte do persoal da hostalería que está traballando", dentro da premisa de que "canta maior seguridade sanitaria, mellor", dixo.
Rueda trasladou esta información aos representantes do sector durante unha nova reunión por videoconferencia na que tamén participaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
Entre encontro, segundo sinalou o vicepresidente primeiro, se inscribe nos contactos permanentes que se están mantendo para habilitar axudas e fixar os criterios de desescalada.
Nunha comparecencia de prensa en Pontevedra, Alfonso Rueda indicou que obxectivo é facer un cribado entre o persoal da hostalería e dos establecementos hoteleiros que están abertos, en coordinación coas asociacións que representan ao sector, para dar "máis seguridade" a traballadores e tamén á clientela.
O vicepresidente primeiro lembrou que a hostalería é un dos sectores que está resultando máis afectado polas consecuencias da pandemia de coronavirus, polo que a Xunta habilitou un amplo abano de axudas para o sector, "que se están axilizando ao máximo". De feito, Alfonso Rueda sinalou que "xa están empezando a cobrarse as axudas da liña de autónomos", a primeira en convocarse, e que se agarda que "en breve" comecen a chegar as das outras liñas para que "os cartos cheguen cando máis se necesitan".
Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán chegar ata os 9.200 euros.
Ata o día de hoxe, a Xunta recibiu preto de 36.000 de solicitudes dalgunha das axudas do Plan de rescate. De ser necesario, dende a Consellería lembran que a Xunta non descarta manter as axudas no próximo 2021.