Festival lumínico para celebrar o 125 aniversario da chegada da luz eléctrica a Pontevedra
Por Redacción
A Feira Franca non será o último evento festivo deste verán en Pontevedra. A concellaría de Turismo organizou un Festival da Luz nas prazas do centro histórico para celebrar o 125 aniversario da chegada da luz eléctrica a Pontevedra converténdoa, o 2 de xullo de 1888 grazas ao Marqués de Riestra, na segunda cidade española en contar con este avance.
Con motivo desta efemérides, dende o xoves 12 ata o sábado 14 de setembro desenvolveranse actividades no ámbito da Casa da Luz na Praza da Verdura, un edificio no que se albergaba a central eléctrica de carbón para levar o fluído aos farois da cidade. O xoves 12, nese espazo realizarase un espectáculo de luz e son con sorpresas, segundo anunciou a concelleira de Turismo, Carlota Román. A continuación acenderanse canóns que iluminarán as prazas da Ferrería, Teucro, Méndez Núñez e da Leña.
Ao día seguinte, o Festival recupera o Cinema na rúa coa proxección na Verdura de Edison, o home, unha película do ano 1940, interpretada por Spencer Tracy. Emitirase nun vídeowall composto por 9 pantallas de plasma de máxima resolución.
Ademais, este martes 10 de setembro, o bloguero experto en promoción turística a través da rede, Mario Schumacher, visitará a cidade e ofrecerá unha conferencia sobre a súa última publicación Un viaje a las emociones.