Denuncian o mal estado de conservación das pasarelas dos paseos peonís da Reigosa e da Calzada
Por Redacción
O PP de Ponte Caldelas criticou este sábado o mal estado de conservación de canchas deportivas, áreas de descanso, parques infantís, espazos biosaudables e as pasarelas de madeira dos paseos da Reigosa e da Calzada, infraestruturas que asegura que presentan "serios problemas de seguridade".
Os concelleiros do PP aseguran que recibiron queixas veciñais por esta situación, en particular polo mal estado no que se atopa as pasarelas de madeira dos paseos da Reigosa e da Calzada, e avanzan que levarán o asunto ao vindeiro Pleno da Corporación. Responsabilizan da situación ao actual equipo de Goberno do Concello.
Segundo indican, na pasarela da Reigosa hai buracos de grandes dimensións que representan un "auténtico perigo" para calquera viandante. Na súa opinión, a zona, na que tamén ven problemas de iluminación, "é unha auténtica trampa".
No caso do paseo da Calzada, denuncian graves problemas de falta de iluminación pública, que redunda tamén na perigosidade da zona ao atoparse as pasarelas de madeira en moi mal estado por falta do mantemento. Alertan de fendas, buracos e problemas de seguridade para os viandantes.