Cogami prepara a persoas con discapacidade en ofimática para a inserción no mercado laboral
Por Redacción
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) inicia o vindeiro luns 9 de setembro un curso de formación profesional de ofimática básica dirixido a persoas con discapacidade co fin de preparar e especializar nunha profesión ás persoas que forman parte do colectivo que representa, para que estea preparado para a inserción ao mercado laboral e conseguir, finalmente, a súa inclusión dentro da sociedade.
Un total de 10 persoas, oito homes e dúas mulleres, van iniciar esta acción formativa de 200 horas lectivas presenciais impartidas de luns a venres en horario de maña no polígono empresarial de Castiñeiras. Ata o mes de novembro, prepararanse en temas como Windows Xp, Word 2007, Excel 2007, Power Point 2007 e Internet.
O curso está financiado pola Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan en Galicia. Con este, son 17 os cursos de formación profesional que Cogami vai impartir neste ano.