![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/54c/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5fbd3ad3f1-20201124-patxot-entrega-premios-subdelegacion-violencia-genero-2648.jpg)
© Mónica Patxot
Tres alumnas de Pontevedra, premiadas polo seu compromiso contra a violencia machista
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Oito rapazas e rapaces da provincia, tres delas da cidade de Pontevedra, son as autoras dos traballos recoñecidos no marco da cuarta edición do concurso escolar contra a violencia de xénero, organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Nesta ocasión recibíronse máis dun cento de obras nas categorías de vídeo e fotografía, procedentes de case vinte institutos da provincia.
Na primeira categoría, alumnos de ESO, FP Básica e Ciclo Medio, os premiados foron Alexandra Corredoira Peleterio (IES Torrente Ballester, Pontevedra) e Neva Alonso Gago (Colexio Eduardo Pondal, Cangas), primeira e segunda respectivamente en fotografía; e Mateo Gil Sestelo (CPI Mondariz) e Paula Fernández Carballo (CPR Plurilingüe Casa de la Virgen, Cangas), en vídeo.
Entre o alumnado de Bacharelato e FP de Ciclo Superior, os premios en fotografía foron para Uxía López Míguez (CPR Santiago Apostol, Soutomaior) e Lucía Estévez Cid (IES Frei Martín Sarmiento, Pontevedra) e, en vídeo, para Mara Franco Rodríguez (CPR Santiago Apóstol, Soutomaior) e Aloia López Martínez (IES Frei Martín Sarmiento, Pontevedra).
Na primeira categoría, o primeiro premio consistiu nun ordenador portátil e o segundo nunha táblet, mentres que na segunda categoría como primeiro premio entregouse un ordenador portátil e como segundo un vale de compra por un importe de cen euros.
O xurado que elixiu os gañadores estivo composto por Emma Torres Romay, decana da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación; Andrés Fraga, profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Mónica Patxot, fotógrafa de PontevedraViva; e Belén Rubido de la Torre, xuíza decana de Pontevedra e xuíza de violencia de xénero.
Na entrega dos premios, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, destacou o compromiso contra a violencia de xénero da mocidade pontevedresa e recordou que a violencia contra as mulleres "é unha das principais eivas da nosa sociedade e cada un de nós temos un papel moi importante para combatela".
"Esta pandemia non se tapa cunha máscara, senón cunha concienciación individual e moita educación en igualdade", engadiu Larriba.
A Subdelegación entrega os premios da cuarta edición do concurso escolar contra a violencia de xénero
Oito rapazas da provincia, tres delas da cidade de Pontevedra, son as autoras dos traballos recoñecidos no marco da cuarta edición do concurso escolar contra a violencia de xénero, organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra
© Mónica Patxot