Os 'poliños' da Galiña Azul volven a clase: comeza o curso nas escolas infantís
Por Redacción
Xornada de reencontros nas escolas infantís de Pontevedra. Para moitos nenos, era o seu primeiro contacto coa Galiña Azul, a rede de garderías que xestiona a Xunta de Galicia. Outros xa eran veteranos. Pero para todos eles, este xoves foi un día de sentimentos encontrados no que as bágoas foron, como cada ano, as protagonistas. Pero só no momento de marchar os pais. Pronto, os xogos cos compañeiros fixéronlles esquecer esa ausencia.
Para os primeiros días, estes centros infantís programaron un período de adaptación de xeito que os máis pequenos irán progresivamente incorporándose aos centros. No caso de Pontevedra, serán case 500 prazas (487) as que están dispoñibles para os nenos e nenas de entre 0 e 3 anos da cidade, un incremento dun 127% con respecto ao 2009, sinala a Xunta de Galicia, cando tan só existían as escolas infantís de Campolongo e O Toxo.
En concreto, o goberno galego destaca as prazas existentes na escola infantil da delegación da Xunta (36), Campolongo (107), O Toxo (107), A Parda (115), Monte Porreiro (61) e o campus universitario (61).
O CONCELLO DEMANDA UN COMPROMISO "MAIS FORTE"
Tamén neste inicio de curso, a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, visitou unha das escolas de Pontevedra. No seu caso, a da Parda. Alí destacou que o curso comezou "tranquilo, con normalidade nos centros públicos da cidade" e criticou o criterio de elección da Xunta de Galicia para abrir o novo periodo lectivo, ao escoller "a única escola privatizada do concello", ao recordar que a xestión da escola de Monte Porreiro é privada.
Aproveitando o inicio do curso, a concelleira esixiu un compromiso "máis forte" por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para atender as demandas das escolas, "porque as asociacións de nais e pais e os propios centros reiteran peticións ao Concello ao non son atendidas polo Consorcio, entidade pública da que dependen as escolas".
Recordou que dende o Concello se atenden as peticións das escolas na medida das posibilidades. De feito, Fouces entregou un ordenador á da Parda, debido á escasez de equipos informáticos que ten esta escola. "Todas estas peticións son competencia do Consorcio, pero ao non ter resposta, petan nas portas do Concello", dixo, polo que esixiu "un compromiso real no mantemento destas escolas, para que non descanse sistematicamente no Concello".