A cidade pecha un agosto con menos visitantes españois e máis estranxeiros
Por Redacción
O mes de agosto pechou con cifras de afluencia aos tres puntos de información turística do Concello de Pontevedra algo inferiores ás rexistradas durante o ano pasado. O descenso foi dun 6,8%, segundo as estatísticas elaboradas polo Concello e difundidas este mércores nun comunicado.
En total foron 17.461 as persoas que reclamaron información na rede municipal, composta pola Casa da Luz e as casetas da praza de España e Eduardo Pondal-Vialia. A media diaria de visitantes chegou ás 582 persoas e segue a confirmarse o peso crecente da Casa da Luz, especialmente no que se refire aos turistas estranxeiros.
A concelleira de Turismo, Carlota Román, lembra que se trata das estatísticas das persoas que acoden ás oficinas de turismo a reclamar calquera tipo de información, que non teñen que coincidir exactamente coas cifras reais de visitantes, nin coas de ocupación hoteleira, que, de feito, estiveron preto dunha media dun 80% con picos de ocupación do 100%
A ocupación hoteleira do mes estivo nunha media do 80%, con picos do 100%, segundo o Concello
As estatísticas das oficinas municipais revelan que o 80% do turismo que se achega a elas é de procedencia nacional, mentres que o 20% restante procede do estranxeiro. O turismo nacional descendeu por enriba do 10%, mentres que os visitantes estranxeiros creceron por enriba do 15%. Entre estes predominaron os portugueses (un terzo do total), seguidos dos franceses (14%) e os italianos (11%).
Dentro do turismo nacional, a maior afluencia procedeu de Madrid cun 23% dos nacionais, seguido do visitante procedente de Andalucía (16%). Cataláns e valencianos son os seguintes na estatística municipal.
Segundo Carlota Román un 25,7% das persoas que se achegaron ás oficinas de turismo dixeron estar aloxadas en hoteis da cidade de Pontevedra, superando así ao 19% que proviña de establecementos de Sanxenxo. O resto chegou dende diferentes puntos de Galicia.
O 25,7% dos visitantes aloxáronse en hoteis da cidade
O 64% dos visitantes indicaron pernoctar en hoteis, un 12% no albergue de peregrinos, un 8% en residencias de aluguer, un 6% en casas rurais, un 5,8% en vivendas particulares e case un 3% en campings.
Por idades, predominan as franxas que van dos 31 aos 45 anos e dos 46 aos 60 anos, que absorben cada unha delas a un 30% do total. Case un
91% dos usuarios dos puntos de información turística indicaron que non coñecían Pontevedra e case un 60% do total chegou ata Pontevedra en coche particular.As razóns para visitar Pontevedra están nas recomendacións que obtiveron a través de guías e/ou a Internet (38%), a atracción provocada polo clima e a paisaxe (35%), a realización do Camiño de Santiago (15%), o gusto pola nosa gastronomía (6%) ou a visita a familia e/ou amigos (5%).