A Feira da Cebola chega á súa XXXI edición con máis de 60 casetas participantes
Por Redacción
Sanxenxo vive este mércores o día da súa patroa Santa Rosalía cunha xornada que conxugará actos relixiosos con actividades lúdicas, que comezará ás 10.00 horas cun pasarrúas e alborada a cargo da Banda de Música de Sanxenxo e da asociación folclórica Abiñadoira. Será entón cando se abran de forma oficial os preto de 60 postos instalados no recinto portuario con motivo da XXXI Feira da Cebola.
Trala inauguración do evento, que terá lugar ás doce da mañá, unha hora máis tarde celebrarase na praza dos Barcos a imposición das insignias de ouro por parte da rexedora municipal e a entrega de premios aos gañadores dos concursos. Nesta edición o Concello de Sanxenxo homenaxeará ao empresario hoteleiro Carlos Troncoso, así como á directora de Moda de Vogue España, Belén Antolín, a quen se lles imporá as insignias de ouro.
Ademais, premiarase a aquelas persoas que presenten ao concurso a ristra máis longa, con achegas económicas de 300 e 150 euros para a primeira e segunda clasificada, respectivamente; así como ás figuras máis creativas realizadas con este produto da horta, que estarán recompensadas tamén con 300 e 150 euros. Pola súa banda, a cebola de maior tamaño e peso recibirá unha cuantía única de 300 euros.
O xurado composto por un representante da Asociación Entretendas, un membro do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), dous enxeñeiros agrónomos e un técnico municipal, evaluará as creacións e cebolas participantes no certame.
Ás 13.30 horas, a Banda de Música de Sanxenxo ofrecerá un concerto na Praza de Pascual Veiga, e os festexos continuarán pola tarde cunha misa solemne en honor á patroa Santa Rosalía, a partir das 19.00 horas, que estará cantada polo Coro de Pensionistas de Sanxenxo e trala que sairá a imaxe en procesión polas rúas da vila.
A Banda de Música de Sanxenxo realizará de novo outra actuación na Praza de Pascual Veiga desde as 21.00 horas e ás 22.00 horas haberá unha procesión nocturna para recoller a imaxe da Virxe do Carmen. E a xornada en honor á patroa da vila concluirá cunha verbena popular que comezará ás 22.30 horas e que estará amenizada polas orquestas La Oca e Marbella, mentres que a medianoite terá lugar o xa tradicional espectáculo pirotécnico na praia de Silgar.
DIA DO CARME
Na última xornada festiva de Sanxenxo, o xoves 5 de setembro, será a Virxe do Carme a protagonista dos actos que anunciará ás 10.00 horas o pasarrúas e alboradas a cargo de Os Gatiños de Portonovo e a Banda de Música de Sanxenxo. A partir das 13.00 horas celebrarase o concerto da Banda de Música de Sanxenxo na Praza de Pascual Veiga.
A misa solemne cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán será ás 19.00 horas e tralo acto litúrxico realizarase a procesión marítima da patroa dos mariñeiros. A Banda de Música de Sanxenxo ofrecerá unha nova actuación na Praza de Pascual Veiga a partir das 21.30 horas e, ás 22.30 horas comezará a verbena coas orquestas Océano e Palladium na praza do Mar.