Rosa Quintana, nomeada Membro de Honra do Gremio de Mareantes de Pontevedra
Por Redacción
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou o papel que tivo o Gremio Mareantes de Pontevedra no pulo ao desenvolvemento económico e social do sector do mar na nosa comunidade.
Así o manifestou tras ser nomeada membro de honra da Organización Gremial, nun día sinalado, o día de San Miguel, patrón dos Mareantes.
A titular de Medio Rural e Mar calificou aos integrantes desta Organización histórica e que tan enraizada está en Pontevedra, como os verdadeiros precursores da política pesqueira actual, das vedas, da conservación dos recursos e da pesca sostible.
Tamén salientou que a concesión deste diploma chega "no mellor momento", na recta final da lexislatura, aportando unha "dose de ánimo engadida" e serviralle, indicou, de "recordatorio constante do traballo que o Gremio leva a cabo pola xente do mar".