Afectividade e autocoidado en tempos de pandemia
Por Redacción
'Desexar(nos), Coidar(nos), Autocoidado e afectividade nos tempos da Covid-19' é o nome do taller que será impartido durante o mes de novembro, e que comezará o vindeiro martes, entre o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato do instituto de Poio.
Trátase dunha serie de sesións, de 50 minutos de duración, que serán impartidas pola psicóloga Andrea Sieiro e que está impulsada pola Concellería de Educación, en colaboración coa comunidade do instituto.
Os obxectivos que se perseguen mediando o desenvolvemento desta actividade é facilitar pautas a mocidade para que coñezan, identifiquen e acepten as emocións derivadas da situación xerada pola pandemia, así como achegarlles estratexias de autocoidado emocional e axudar a favorecer que tomen as súas decisións de forma libre e responsable.
Raquel Rodríguez, edil de Educación, considera que "no contexto no que nos atopamos, e sabendo o duro que resultou o confinamento para a xente nova, xa que se viu na obriga de modificar as súas pautas de comportamento e da súa vida social, queremos axudalos a que aprendan a mudar aqueles pensamentos inadecuados por outros adaptativos, a través de fórmulas para manexar o malestar ou substituír sensacións negativas por outras máis positivas".