Os traballadores das panaderías Del Río conseguen ser despedidos nove meses despois do peche
Por Oskar Viéitez
O peche da cadea de panaderías Del Río o pasado 12 de febreiro aínda non se resolveu para os seus 14 traballadores que levan desde entón sen cobrar ao non ser despedidos a pesar do cesamento da actividade, ao que hai que sumar os dous meses que lles debía a empresa antes do peche.
Para este xoves estaba sinalado un xuízo no xulgado do Social de Pontevedra para declarar a extinción desa relación laboral pero finalmente non se celebrou debido a que outro xulgado, o do Mercantil que leva o concurso de acredores, ditou esta extinción dos contratos desvinculando aos 14 traballadores da empresa.
Con todo o seu viacrucis non termina aquí xa que agora terán que reclamar diante da administración concursal o diñeiro que lles deben e tampouco aquí hai acordo nas cantidades debidas xa que Del Río tiña despachos e un forno en Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e na Barca e os salarios eran distintos segundo a categoría e ou as funcións desempeñadas.
A avogada que defende os intereses dalgúns dos traballadores avanzaba a posibilidade de que finalmente sexa o Fondo de Garantía Salarial, Fogasa, o que resolva a liquidación abonando un máximo de catro meses.