O Carballo de Santa Margarida, nas mans dos 'doutores' do Areeiro
Por Redacción
O Carballo de Santa Margarida está xa en mans dos especialistas da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro referente para o estudo de pragas, co fin de atallar a praga de fungos que ameaza a súa supervivencia.
Despois de que durante esta fin de semana a Comunidade de Montes de Mourente denunciara a situación na que se atopa esta árbore senlleira, na mañá deste luns o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, púxose en contacto coa Estación Fitopatolóxica para coordinar unha intervención.
O responsable de Medio Natural insiste en que é "evidente" que o Carballo de Santa Margarida comeza a presentar "achaques da idade" e, probablemente, estes fungos non serían tan preocupantes cunha árbore máis nova, por iso é polo que van realizar unha vixilancia permanente e científica e acaban de poñer o Carballo nas mans dos "mellores ‘doutores’ posibles", os expertos da Estación Fitopatolóxica.
Puentes comprometeuse cos comuneiros a que tanto o Concello como O Areeiro actuarán "coa maior dilixencia posible" e farán todo o que estea nas súas mans "para devolver a saúde e conservar en boas condicións" o Carballo, un símbolo de Pontevedra.
Así, avanzou que se realizará unha avaliación previa do estado de saúde do Carballo para coñecer a gravidade do fungo detectado e a posible presenza doutros que se poidan atopar nas raíces e estudaranse os posibles tratamentos e actuacións.
A Estación Fitopatolóxica xa traballou no pasado con este Carballo, realizando unha operación de sostén da árbore mediante a instalación de apoios para evitar que continuase inclinándose e tamén un ‘aireado’ no asfalto, abrindo unha serie de ocos e incorporando area para permeabilizar o intercambio gaseoso nas raíces.
Relacionadas:
-
O carballo de Santa Margarida necesita a túa axuda: quere ser Árbore Europea do Ano 2023
Por Alejandro Espiño |
-
Intervención urxente para reducir o sobrepeso do carballo de Santa Margarida
Por Redacción |
-
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro doará especies vexetais para os xardíns públicos da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Cambian de sitio o paso de peóns de Santa Margarida para protexer o carballo
Por Redacción |
-
Alertan que o ataque dun fungo ao Carballo de Santa Margarida pode provocar a súa morte "en poucos meses"
Por Redacción |
-
O carballo de Santa Margarida sae da UCI
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Continúan os coidados intensivos para o carballo de Santa Margarida
Por Alejandro Espiño |