A Deputación asesorou un cento de persoas para realizar cultivos de froitos do bosque no rural pontevedrés
Por Redacción
O proxecto Depofroitos tivo unha gran acollida entre profesionais que están interesados no cultivo de froitas do bosque ecolóxico en zonas rurais da provincia. Ao redor dun centenar de participantes sumáronse a este proxecto que promove a Deputación de Pontevedra dentro do programa Empleaverde.
A través desta proposta búscase a defensa do medio ambiente e o apoio ao medio rural. Neste sentido, a Deputación creou un servizo de acompañamento específico para empresas de nova creación, na que se asesorou ás persoas participantes con información sobre diferentes cuestións relacionadas coa tramitación de axudas e a elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira.
Nas sesións desenvolvidas utilizáronse ferramentas innovadoras como un simulador de negocio sobre o cultivo de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das vendas con recomendacións para actuar diante dos clientes.
Froitos como a amora, o arando ou a framboesa, introducidos nos últimos anos no mercado español e que contan cun importante crecemento comercial, son algúns dos produtos do bosque que se traballaron nesta iniciativa.
Segundo expoñen desde a Deputación, este tipo de froitos esixen pouco terreo para a súa produción e contan cun custo inicial pequeno, polo que son unha boa opción para obter rendibilidade a curto prazo e xerar emprego en zonas rurais.