A feira volve á Alameda de Ponte Caldelas
Por Redacción
A feira de Ponte Caldelas volveu este martes a instalar os postos de téxtil e calzado na Alameda da vila, unha vez rematada a tempada de turismo e con menos aglomeración.
O Concello de Ponte Caldelas traballa xa na modificación da ordenanza para que nos meses de verán, entre o 20 de maio e o 20 de setembro, os postos de téxtil, calzado e ferretería se instalen no Paseo da Calzada a carón do aparcamento, mentres alimentación estará na Praza de España.
O alcalde, Andrés Díaz, asegura que "á clientela gustoulle moito a ubicación a carón do río durante o verán e por iso queremos mantela aí entre maio e setembro".
Esta nova ubicación permitirá tamén seguir dinamizando o verán do concello a través das actividades nas fins de semana, "un sistema que funcionou moi ben este ano e que temos previsto manter en 2021", engade Díaz, e que obriga a manter instalado de xeito permanente o palco municipal na Alameda de Ponte Caldelas.
O Concello sinala que a feira estará na Alameda con todas as medidas de seguridade: os postos pechados polos dous laterais, mantendo a distancia de seguridade, con uso obrigatorio de mascarilla e hixienizando as mans á entrada e saída da mesma nas fontes desinfectantes instaladas polo Concello.