Marín habilita un novo aparcadoiro con 50 prazas e deixa máis espazo dispoñible como patio do CEIP Carballal
Por Redacción
Marín xa ten listo un novo aparcadoiro público. Trátase dunha parcela que acaba de habilitarse á beira do CEIP Carballal e que ten capacidade para arredor de 50 coches.
Este aparcadoiro dá resposta a unha importante demanda da comunidade educativa do Carballal, que pedía ter máis espazos para estacionar dadas as escasas prazas que había nas inmediacións do centro e que provocaban, entre outras cousas, que o profesorado tivera que aparcar dentro do propio colexio.
Esta escaseza de prazas de aparcadoiro cobrou importancia con motivo da crise sanitaria da covid-19, que esixe a readaptación da actividade lectiva para cumprir coas normas de prevención e hixiene fronte ao coronavirus e facía necesario que a explanada de entrada ao colexio quedara libre para a súa utilización por parte do alumnado.
Con este novo aparcadoiro, o profesorado pode deixar os seus vehículos noutros lugares e, desta maneira, liberar espazo da instalación académica para que poida ser utilizado como un patio extra para o alumnado.
Ademais, conséguese desconxestionar o espazo que nas entradas e saídas do centro ocupaban outros vehículos aparcados, de maneira que se facilita o tránsito por esta zona, especialmente durante este curso, no que existe un protocolo específico para o acceso ao colexio.
Esta nova área de estacionamento disuasorio súmase ás oito que xa existen no resto de casco urbano de Marín, Ponte Zapal, a zona portuaria á Praza de España, República Argentina, Inferniño, Concepción Arenal, Sagrada Familia, Barriada de Suboficiales e Jaime Janer.
Relacionadas:
-
Un acordo con Defensa permite crear 30 novas prazas de aparcadoiro na Barriada Virxe do Carme
Por Redacción |
-
O PSOE de Marín quere coñecer os contratos dos aparcamentos
Por Oskar Viéitez |
-
O novo aparcadoiro disuasorio de Jaime Janer está case listo para ser utilizado polos marinenses
Por Oskar Viéitez |