Tinguir de rosa as fachadas contra o cancro de mama
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra sumarase o vindeiro 19 de outubro ás accións programadas pola Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama e Xinecolóxico de Pontevedra (Adicam) para conmemorar o Día Internacional do Cancro de Mama, iluminando o Consistorio da Praza de España con luz de cor rosa. Trátase dunha iniciativa que busca darlle visibilidade á realidade das persoas que padecen esta enfermidade.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, lembra que "a pesar da pandemia da Covid-19, o cancro non para, segue estando aí, e cada ano se diagnostican máis de 30.000 novos casos en España e precisan do apoio de tódalas institucións". "Aínda que este mes de outubro vai ser atípico e hai que enfrontarse a un panorama máis adverso, Adicam deseñou un amplo programa de actividades, atendendo por suposto a tódalas medidas de seguridade precisas", sinala o edil socialista.
Rey fai fincapé "no inxente traballo que Adicam leva realizando durante case 20 anos por e para as persoas diagnosticadas e as súas familias, un colectivo que xurdiu en 2001 e que dispón de sedes en Pontevedra, Cangas e Vigo". Tal e como apunta o concelleiro, "a día de hoxe é unha das poucas asociacións de cancro de mama de Galicia e conta con 1.550 socias e socios, entre colaboradores, profesionais, diagnosticadas e persoas solidarizadas coa súa causa".
VIDEO PONTESAN
Por outra banda, a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde elaborou unha peza audiovisual de homenaxe e agradecemento a tódalas asociacións socio sanitarias participantes na I Feira da Saúde e o Benestar 'PonteSan', que tivo lugar durante os días 26 e 27 de setembro.
Deste xeito, o departamento que dirixe Tino Fernández quere darlles unha vez máis "a noraboa polo grandísimo traballo e esforzo que levaron a cabo os días de celebración da Feira, que claramente, son o resultado dunha vocación, xenerosidade e dedicación sen límites de cada unha das asociacións desta cidade de Pontevedra, sen esquecernos, claro está, do gran equipo que fixo posible a materialización desta I Feira da Saúde e o Benestar".