O Concello de Vilaboa pon a punto os seus colexios para o inicio do curso escolar
Por Redacción
O Concello de Vilaboa, con motivo do inicio do curso escolar, acaba de realizar un esforzo extra para a posta a piques dos centros educativos de Toural, Riomaior e o Centro Rural Agrupado, que integra aos colexios de Figueirido, Bértola, Paredes, Santa Cristina e San Adrián. Os traballos realizados supuxeron un investimento superior aos 20.000 euros, sen contar os fondos destinados á desinfección destas dependencias.
Estes labores de limpeza obrigaron ao Concello a destinar a catro persoas a xornada completa para os principais centros educativos do municipio. Neste sentido, o alcalde César Poza quixo facer fincapé en que os traballos de mantemento dos colexios si que son competencia municipal, pero non a desinfección dos mesmos, que son unha consecuencia derivada da crise sanitaria da Covid-19.
“Solicitamos a colaboración da consellería de Educación para que asuman a parte derivada da limpeza, un esforzo extra que está asumindo integramente o Concello. Igualmente tamén lle remitimos unha solicitude de axuda para acometer melloras no CPI do Toural e unha solución para o transporte escolar para o alumnado de Vilaboa matriculado no instituto de Arcade”, anunciou o rexedor durante a súa visita aos centros do municipio para escoitar as demandas da comunidade escolar.
No relacionado cos traballos realizados nos colexios, sobresaen a substitución do pavimento do parque infantil do CPI Toural, a reparación do peche exterior ou a ampliación dos espazos de educación infantil.
A concelleira de educación, Dores Cerqueiro destacou tamén que "en todos os centros leváronse adiante traballos de pintura e reacondicionamento de aulas” e agradeceu o traballo dos equipos docentes na elaboración dos protocolos que permiten o inicio do curso "con todas as garantías".
Relacionadas:
-
Vilaboa pecha o ano con 20.000 euros en subvencións a actividades culturais e deportivas
Por Redacción |
-
Vilaboa fai un chamamento á tranquilidade e á responsabilidade tras aprobar as restricións fronte á Covid
Por Redacción |
-
César Poza estrea a alcaldía de Vilaboa cunha reestruturación do goberno local
Por Redacción |