Arranca o 'plan de choque' para mellorar o estado dos catro cedros do Himalaia da Alameda
Por Redacción
Xa están en marcha os traballos de acondicionamento e poda incluídos no proxecto de conservación e protección dos catro cedros do Himalaia, as árbores senlleiras e históricas que están situadas nos Xardíns de Vincenti, na Alameda.
Esta actuación ten un orzamento de case 10.000 euros, dos que 4.000 euros saen dunha subvención da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta, ao formar parte estes cedros do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
O edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, agarda que, unha vez que se rematen estes traballos e a renovación dos sistemas de suxeición das árbores, procederase a colocar os paneis informativos, que prevé que estean instalados a próxima semana.
Os traballos que se puxeron en marcha, destinados á conservación do bo estado fisiolóxico dos exemplares, moi danados polos temporais, contemplan unha limpeza de pólas mortas e unha poda dunha intensidade moderada, coa que se tenta conservar a vitalidade destes cedros de gran porte e garantir a seguridade no seu perímetro.
Os restos da poda están a ser recollidos cun camión e serán triturados progresivamente para o seu uso como estruturante para a compostaxe ou como 'acolchado' noutras zonas verdes.
Ademais da poda e a revisión das ancoraxes, o proxecto de conservación contempla unha limpeza en seco e a instalación de paneis informativos: unha sinalización individual para cada exemplar e unha destinada ao conxunto da formación, coas súas características e dimensións.
As tres árbores situadas ao sur do Parque das Palmeiras xa están aseguradas mediante sistemas axeitados de ancoraxe, con cordas de polipropileno trenzado con amortecedores, mentres que a máis próxima ao estanque dos patos dispón dunha fixación con cabos de aceiro.
O proxecto traza a substitución e corrección dos sistemas de suxeición, eliminando aqueles puntos onde poida existir unha excesiva tensión sobre as ramas, así como abrasións. Ademais, substituiranse aqueles cabos deteriorados ou excesivamente tensos.