Con setembro chegan as altas presións e o tempo seco ás Rías Baixas
Por Redacción
Este luns, 31 de agosto, Galicia sitúase baixo a influencia das altas presións, pero verase afectada por unha fronte no Atlántico que se irá achegando durante a tarde á comunidade. Os ceos seguirán nubrados ou despexados durante a mañá, con algún intervalo de nubes de tipo alto e presentaranse máis nubrados ao longo da tarde en toda a zona oeste, segundo a predición de Meteogalicia. As temperaturas comezarán a ascender lixeira e moderadamente situándose entre os 14 e os 25 graos. O vento soprará frouxo de dirección variable, collendo compoñente oeste ao longo da xornada.
Coa chegada, o martes, de setembro, as Rías Baixas manteranse nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións e a circulación de vento do norte pouco definida. Pola mañá os ceos continuarán moi nubrados no oeste e pouco nubrados ou despexados no leste, con tendencia a que a tarde os ceos preséntense pouco nubrados en xeral. As temperaturas estableceranse entre os 13 e os 26 graos. O vento soprará moi frouxo de compoñente norte.
As altas presións localizadas sobre os Azores entrarán na península Ibérica a partir do mércores 2 e ofrecerá estabilidade, que se manterán durante toda a semana. Agárdanse ceos pouco nubrados ou despexados. As temperaturas non experimentarán cambios significativos, con valores suaves para esta época do ano, con mínimas de 12 graos e máximas de 28 nas Rías Baixas. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte, con algún intervalo moderado no litoral atlántico.
Cara á fin de semana, a situación anticiclónica ofrecerá estabilidade, con ceos despexados entre o xoves e o domingo. As altas presións traerán aire cálido á provincia de Pontevedra con temperaturas mínimas que ascenderán aos 18 graos e as máximas continuarán situadas sobre os 28.