Falece un tripulante dunha planadora e outro resulta ferido ao impactar contra unha batea na Illa de Arousa
Por Redacción
Un mariñeiro, veciño da Illa de Arousa, falecía na tarde deste venres 28 de agosto cando navegaba con outro tripulante nunha planadora pola ría cando, por causas que se investigan, a embarcación impactaba contra unha batea.
Ás 13.30 horas, un particular alertaba ao servizo de Emerxencias do 112 Galicia para pedir axuda. Esta persoa que se atopaba nas proximidades do punto onde se produciu o accidente lograba coa súa embarcación rescatar ás vítimas e trasladábaas ata o peirao de Cabodeiro. Tamén remolcaba a planadora sinistrada.
No peirao, un operativo formado por axentes da Policía Local da Illa e profesionais de Urxencias sanitarias de Galicia-061 confirmaban o falecemento dun dos tripulantes, segundo a información facilitada polo 112 Galicia.
O outro ocupante foi atendido nos seus primeiros coidados polos servizos sanitarios de urxencia nas mesmas instalacións do peirao para despois avaliar o seu traslado a un centro hospitalario.
Desde o 112 Galicia avisábase do accidente a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, ademais de solicitar a colaboración dos axentes da Garda Civil.