Un tenreiro percorre de madrugada a cidade e despista a Policía Local á altura de Salcedo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A madrugada do martes ao mércores estivo animada nas rúas de Pontevedra. Un tenreiro irrompeu na contorna da estación de autobuses e iniciouse unha procura para collelo que terminou pouco despois na parroquia de Salcedo, cando a Policía Local lle perdeu a pista. Horas despois, seguía desaparecido.
A Policía Local empezou a recibir chamadas de varios veciños sobre as 4.15 horas da madrugada alertando que había un tenreiro deambulando polas rúas Xosefina Arruti e avenida de Vigo e desprazouse ao lugar para tentar localizalo.
Varias patrullas peitearon a zona e localizaron ao animal na estrada de Vigo, á altura do concesionario de Fidauto. A pesar de que tentaron suxeitalo cunha corda, escapou cara á parroquia de Salcedo.
Nun momento dado, segundo a información facilitada pola Policía Local, meteuse por unha zona boscosa desta parroquia e os axentes non puideron seguilo, de modo que o perderon de vista.
O animal é propiedade dun veciño da parroquia de Tomeza que a media tarde deste mércores trasladou á Policía Local que aínda non lograra atopalo. Na procura colaboraba un grupo de veciños, entre os que hai seis que saíron a cabalo. Ademais, utilizáronse cans para dar con el.
Este home adquiriu o animal esta mesma semana, de maneira que non sabía regresar á vivenda.
Finalmente foi localizado e capturado ao redor das 23:30 horas da noite do mércores na zona de San Brais.