Aberto o prazo de inscrición ao Plan Madruga no Grove
Por Redacción
O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, abre o prazo de inscrición do programa Madruga no CEIP Valle Inclán para o vindeiro curso escolar, prazo que remata o vindeiro 6 de setembro. Os pais e nais que queiran inscribir aos seus fillos neste servizo municipal, que busca garantir a conciliación da vida laboral e familiar, poden realizar as inscricións na Casa do Concello. O Programa Madruga volve a ofrecerse no CEIP Valle Inclán por terceiro curso, co fin de facilitar a compatibilidade horaria das xornadas laborais dos pais cos horarios escolares dos seus fillos.
O programa desenvólvese nunha das aulas do comedor escolar. O servizo está dispoñible desde as 7.30 horas ata o inicio das clases. Durante este tempo, os asistentes disfrutan de xogos cooperativos, manualidades, actividades de lecer
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto con elas o resgardo de matrícula escolar, copia do libro de familia, dos DNI da nai e do pai; título de familia numerosa de ser o caso; e fotocopia da cartilla da seguridade social do menor. O prezo do servizo é de 30 euros ao mes, agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán, de pertencer a unha familia numerosa ou monoparental. Nestes supostos, aplícase unha redución do 20%.
Ademais dos usuarios habituais, o concello tamén pon a disposición das familias bonos de dez días para que poidan utilizar o servizo en días soltos ao longo de todo o curso, no caso de que apareza unha urxencia ou se cree unha necesidade concreta nun día determinado. Neste caso, o prezo por día de asistencia é 2,5 euros.