Defensa e o Concello asinan esta semana o convenio que permitirá abrir as zonas verdes das vivendas militares
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra e o Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) formalizarán esta mesma semana, o mércores 22 de xullo, o convenio urbanístico de colaboración co que se iniciará o procedemento para a apertura a uso público das zonas verdes das vivendas militares de Campolongo.
O convenio, que asinará o alcalde, formaliza a incorporación para uso público de espazos nas rúas Xeneral Rubín, Tablada, Rosalía de Castro e Manuel del Palacio.
A Xunta de Goberno local deu este luns o visto e prace a este convenio do que a portavoz municipal, Anabel Gulías, destacou que é un "paso importante" para a reestruturación dos espazos urbanos e para "recuperar unha das zonas mais céntricas e máis emblemáticas da cidade" para o uso dos pontevedreses.
O convenio estaba pendente de dúas autorizacións administrativas de Naturgy e de Defensa e, agora que chegaron, asinarase. A partir desa sinatura, seguirá a tramitación administrativa habitual ata que se aprobe en Pleno. O obxectivo do Concello é que estes novos equipamentos sexan unha realidade no ano 2021.
Segundo explicou Anabel Gulías, o primeiro que se vai facer é completar a rúa Tablada, mellorar os seus accesos, ancho e pavimentación e abrir as novas zonas verdes nesta rúa e Xeneral Rubín. Ademais, darase saída á rúa Tablada cara María Victoria Moreno.
Ademais, o Concello poderá pasar a contar cun novo local social entre as rúas María Victoria Moreno e Xeneral Rubín, un equipamento para a veciñanza da zona.
A cambio, o Concello concederá a Defensa edificabilidade na rúa Rosalía de Castro e en dous edificios no interior da rúa Tablada. Supón a modificación do uso residencial da parcela de tal xeito que o INVIED poida vender aos inquilinos as súas vivendas, así como construír dous novos edificios previstos dentro da parcela, que lle permitirá crear estacionamento soterrado de uso privado dos residentes, xa que os edificios carecen del.
No ámbito de Mollabao (Manuel del Palacio con Rosalía de Castro) está previsto a creación dunha praza pública aberta cara Rosalía de Castro, coa posibilidade de conectala cara Manuel del Palacio; o derrube das edificacións actuais e permitir o aproveitamento de parte da parcela para a edificación dun edificio de baixo máis 5 e máis 6 pisos, que permitirá pechar a medianeira do edificio lindeiro cara Rosalía de Castro e recoñecer o uso educativo dunha porción de terreo ocupado dende fai moito tempo polo centro de ensino lindeiro.
Relacionadas:
-
Aproban a modificación do Plan Xeral para construír 220 novas vivendas e liberar zonas verdes en Campolongo
Por Redacción |
-
Defensa estima que tardará dous anos en abrir os espazos militares en Campolongo e Mollavao
Por Alejandro Espiño |
-
A Rúa da Tablada e María Victoria Moreno estarán unidas por unha nova rúa
Por Alejandro Espiño |
-
Reactivan o convenio para integrar na cidade as vivendas militares de Xeneral Rubín
Por Alejandro Espiño |