Afirman ter probas de que a xerencia cedeu material cirúrxico ao Hospital Quirón cando era necesario nun quirófano de Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A reacción da xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) á denuncia de CIG- Saúde que alertaba da cesión de material sanitario do hospital Montecelo ao privado Hospital Quirón provocou que o secretario comarcal de CIG e unha delegada sindical aseguraran este mércores en rolda de prensa que contan con probas desta situación irregular, revelada nos últimos días.
A xerencia, que lidera José Ramón Gómez, emitira un comunicado acusando á CIG de mentir e ameazaba con presentar unha demanda ante a Fiscalía. Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, animaba este mércores a que cumpran con esta ameaza porque o sindicato conta con probas de que material da sanidade pública foi cedido ao hospital privado pontevedrés. "Que mintan é perigoso pero que tamén non saiban o que está pasando é un sinal das mans en que estamos", afirmou o representante sindical, que considera que existe unha "ocultación perversa" e que se actúa con premeditación desde a xerencia para negar o que está a pasar. Pola contra, admite Conde, estarían a recoñecer que fallan os sistemas de control do material do Servizo Galego de Saúde (SERGAS)
O sindicato indica que a xerencia ou mente por descoñecemento ou está a dar por malos os datos que eles mesmos empregan para indicar onde se atopan os medios necesarios para as intervencións cirúrxicas. Por este motivo, piden responsabilidades e queren que se aclare se este material foi o único cedido ao centro privado ou se se produciron máis casos e se se trata dunha decisión administrativa regulada ou dunha decisión persoal dalgún cargo da dirección. Marcos Conde indicou que preguntarán por este incidente " moi grave" na próxima reunión da xunta de persoal do CHUP.
Paca Ferrádas, traballadora do servizo de Esterilización no Hospital Montecelo e delegada de CIG-Saúde, manifestaba que ela mesma foi testemuña a través do seu departamento dos rexistros da administración. Afirma que o material cumpre cuns protocolos establecidos e sempre se sabe onde se atopa. Por iso sorprendéronse cando solicitaron á xerencia as ferramentas cirúrxicas e dixéronlles que non as tiñan.
A traballadora pregúntase por que a xerencia mantén esta "falta de transparencia" negando que o material fora enviado ao Hospital Quirón cando era necesario nun quirófano de Montecelo. Tamén quere que desde o SERGAS investíguese o caso para saber quen fai negocio con este material que "pagamos entre todos".
Ferradás acusou o xerente de facer esforzos por calar aos traballadores afirmando que parece o "comisario político do conselleiro e de Feijóo" en lugar de ofrecer as explicacións oportunas sobre esta situación. "Que non pense o xerente que con ameazas nos vai calar", concluíu a delegada de CIG-Saúde.
Relacionadas:
-
CIG-Saúde denuncia a cesión de material sanitario do hospital Montecelo ao privado Quirón
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada