Falece un home en Barro ao caer cando podaba unha árbore
Por Redacción
Un home perdía a vida ao precipitarse ao chan cando estaba a realizar traballos de poda nunhas árbores próximas á súa vivenda en Constenla, no municipio de Barro.
Segundo informa o servizo de Emerxencias do 112 Galicia, ao redor das 20.00 horas deste xoves, o home perdía o equilibrio cando se atopaba subido a unha escaleira podando as ramas nunha leira. Ao lugar acudía un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia a bordo dun helicóptero medicalizado.
Con todo, cando o equipo médico chegou ata a leira xa non puido facer nada por salvar a vida deste veciño de idade avanzada e só puido confirmar o falecemento causado polas lesións ocasionadas na caída.
No operativo tamén colaboraban efectivos da Garda Civil, que se achegaron para aclarar as circunstancias do suceso. Tamén se alertou desde o 112 Galicia aos integrantes de Protección Civil de Barro para prestar apoio aos profesionais sanitarios.