Polo menos dous feridos con queimaduras ao explotar unha bombona na Cañota en Marín
Por Redacción
Ás 12:21, o servizo de Emerxencias do 112 recibía o aviso de Urxencias Médicas dun "accidente laboral" na vivenda co número 54 da Cañota no barrio dos Pescadores en Marín.
Ata o lugar desprazábanse os bombeiros do Morrazo, a Policía local e Protección Civil de Marín que se encontraron con dúas persoas que sufriran queimaduras de segundo grao nos brazos e cara, unha delas de 61 anos de idade. Ambas as dúas foron trasladadas ao Hospital Montecelo por unha ambulancia. As outras dúas persoas que se encontraban na vivenda tamén sufriran danos pero preferiron trasladarse pola súa conta a un centro hospitalario.
Ata o lugar trasladáronse tamén membros da Policía Nacional para investigar as causas e circunstancias nas que se producira o accidente. Segundo as primeiras investigacións, o suceso teríase producido por un problema no soprete da bombona de gas o que rematou provocando a explosión.