Casa Solla, entre os restaurantes "únicos no mundo" que Amazon amosará nun documental
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Oito restaurantes de toda España formarán parte do documental gastronómico que a plataforma Amazon Prime Vídeo estreará o próximo 24 de xullo. Un deles será Casa Solla, protagonista dun dos capítulos de "De la vida al plato".
O actor Juan Echanove será o encargado de percorrer estes restaurantes "únicos no mundo", como os describe Amazon, entre eles o do cociñeiro Pepe Solla, para mostrar como cada un destes establecementos logrou ascender ao olimpo culinario.
Xunto con Casa Solla, o documental aproximarase ás cociñas de El Corral de la Morería (Madrid), Echaurren (Ezcaray, La Rioja), Noor (Córdoba), Ricard Camarena (Valencia), Lera (Castroverde de Campos, Zamora), Etxebarri (Axpe, Vizcaya) e El Celler de Can Roca (Girona).
Todos eles están rexentados por cociñeiros que teñen "o don da maxia", di Echanove, quen falará con eles para coñecer "a súa filosofía, os seus segredos e as súas memorias", xa que en moitos dos casos pertencen a familias con tradición hostaleira.
De Pepe Solla, explicou na presentación deste documental producido por Unicorn Content, destaca que se criou no restaurante familiar, onde exerceu como catador e xefe de sala antes de pasar aos fogóns para impulsar a nova cociña galega.
"De la vida al plato", segundo avanza a plataforma, estrearase en máis de 240 países e territorios de todo o mundo para desvelar os segredos das súas cociñas e o traballo duns cociñeiros que elevaron o nivel da gastronomía.
Todos eles logran facer pratos que "se lembran", atraen a visitantes internacionais para degustalos e convertéronse en mestres para cociñeiros de todo o mundo grazas a uns coñecementos e unha sensibilidade culinaria particular.