Loira será a praia de Marín que disporá de máis capacidade para acoller bañistas este verán
Por Redacción
Xa finalizaron os traballos de mellora das praias de Marín, coa instalación de novos pasarenas, ademais do asfaltado do vial de Praias á altura de Aguete, onde se pintaron espazos para o estacionamento.
Ademais, o Concello de Marín traballa na ampliación de contratación de persoal para os postos de socorrista para este verán. Aínda quedan dúas prazas vacantes e o 1 de xullo comezará este servizo de atención aos bañistas.
Tamén a partir do mércores poñerase en funcionamento o sistema de cálculo informatizado para controlar o número de persoas que se atopan nos areais. Establécese un sistema tipo semáforo nas catro praias principais Portocelo, Mogor, Aguete e Loira. O semáforo marcará catro niveles: baixo, medio, alto e completo. Esta situación poderá consultarse a través dunha aplicación e das redes sociais ou na web do Concello para que os visitantes saiban se poden acudir a estes areais previamente.
En cada unha das praias xa se atopan instalados carteis informativos onde figura o máximo de persoas permitido en cada areal. Calculáronse en pleamar e cunha medición de catro metros cadrados por persoa.
Desta forma en Portocelo terán cabida 970 bañistas, nun espazo de 350 metros lineais; en Mogor deixarase acceder aínda máximo de 1.280 persoas nunha praia de 400 metros lineais. Pola súa banda en Aguete, con 900 metros permitirase que accedan 1.690 persoas e, por último, en Loira, con 420 metros lineais a capacidade máxima sitúase en 2.645 persoas.
O Concello tamén tomou a decisión, para evitar masificacións, de impedir os aparcamentos de apoio xestionados por propietarios particulares, os coñecidos como "leira park".
Tampouco se instalarán papeleiras nin duchas nin lavapies para evitar situacións de risco. Ademais permanecerán pechados os baños públicos, #ante a imposibilidade de que se desinfecten cada pouco tempo como sería necesario en servizo que pode ser utilizado por numerosas persoas.