As queixas dos veciños da rúa Cruz Vermella sentan un mozo no banco da Audiencia
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra deixou este martes visto para sentenza un xuízo por tráfico de drogas. A Fiscalía pide catro anos de prisión e o pago dunha multa de 300 euros para un mozo, coas iniciais P.B.M., que no ano 2018 foi detido tras supostamente vender cocaína desde o interior do seu coche na rúa Mestre Soutullo de Pontevedra.
Segundo declararon durante a vista oral os dous policías locais que levaron a investigación, este caso iniciouse por mor das queixas dos veciños da rúa Cruz Vermella pola existencia dun foco de trapicheo nun dos pisos da zona.
Un dos axentes relatou ao tribunal provincial que na Xefatura constaban numerosas denuncias veciñais pola actividade sospeitosa que se rexistraba na contorna do domicilio deste mozo. Así a Policía Local estableceu un "dispositivo de vigilancia aleatoria" na zona.
Os axentes tamén sinalaron que este mozo xa era coñecido polos seus antecedentes policiais relacionados co consumo de droga.
Nun destes seguimentos ao acusado, na medianoite do 28 de abril de 2018, sorpréndenlle entregando unha papelina con droga a outro mozo desde o interior do seu coche. Inmediatamente proceden á identificación destes dous individuos.
Ao suposto comprador confiscanlle 0,495 gramos de cocaína e 4,628 gramos de resina de cannabis nunha landra marcada co anagrama dunha folla de marihuana e o nome "Galicia". A cocaína, que tiña unha pureza do 90,28%, estaba valorada en 60,05 euros e o cannabis, en 26,38 euros.
Ao acusado incautáronlle 9,928 gramos de resina de cannabis valorados en 56,59 euros e 0,669 gramos de cocaína valorados en 82,68 euros, así como 105 euros. A droga tíñaa no seu poder, segundo a Fiscalía, para a venda e o diñeiro procedía así mesmo de vender substancias.
"Es un ejemplo más de que en esta sociedad es muy fácil adquirir droga", valorou un dos policías.
Durante o xuízo, o acusado admitiu a súa adicción ás drogas e sinalou que "en aquella época" era un "consumidor habitual de cocaína e cannabis" aínda que "ahora estoy bastante mejor".
Tamén explicou respecto ao suposto comprador que "eramos amigos, quedabamos para consumir de manera compartida" e asegurou que "para nada le vendí".
Esta versión foi corroborada na súa declaración polo outro mozo que hoxe sostivo diante do tribunal que "era normal que fuésemos juntos al Vao a comprar".
A Fiscalía reafírmase en pedir unha sentenza condenatoria mentres que a letrada que exerce a defensa do acusado pide a súa libre absolución ao crer que "no existe prueba de cargo suficiente o indicio contra mi cliente" en todo caso, se o fallo é desfavorable ao acusado reclama ás maxistradas da Sección cuarta que teñan en conta a "poca entidad de la droga" e a adicción que padecía o acusado.