Comezan as obras de rehabilitación integral da rúa da Gándara
Por Redacción
Xa comezaron as obras para a rehabilitación integral da rúa da Gándara. O Concello de Pontevedra investirá nestes traballos, realizados por Construcciones Crespo, algo máis de 240.000 euros.
O investimento servirá para facer unha rehabilitación estrutural de todo o firme nunha superficie de 233 metros lineais. Na actualidade, as deficiencias que existen na rúa son tan importantes que o seu mantemento resulta moi custoso, polo que os técnicos municipais apostaron pola súa rehabilitación integral.
Tamén está previsto unha nova rede de abastecemento e de saneamento, con separativa de pluviais que irá acompañada de sumidoiros e todos os elementos necesarios desta rede. A obra rematará cunha nova sinalización horizontal e vertical neste tramo da rúa proxectado.
A rehabilitación estrutural ten por obxecto non só restaurar e mellorar as características superficiais do pavimento, senón tamén conformar e reforzar a superestrutura que soporta o tráfico e a actividade que se desenvolve na rúa da Gándara, que é lugar de paso cara á Xunqueira de Alba e próximo ao Camiño portugués.