Pontevedra protexerá o seu patrimonio industrial e a arquitectura contemporánea
Por Alejandro Espiño
O catálogo de edificacións e elementos a conservar en Pontevedra incluirá por primeira vez o patrimonio industrial do municipio, muros tradicionais ou inmobles que pertenzan a algunha corrente de deseño da arquitectura contemporánea.
Así o explicou o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, que informou da contratación dos traballos para renovar este catálogo, que reúne todos os bens e espazos do municipio que contan con algún tipo de protección.
O obxectivo deste traballo será identificar elementos que pola súa singularidade, características e valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos, etnolóxicos ou paisaxísticos se considere conveniente conservar, mellorar ou recuperar.
O catálogo actual, vixente desde 1994, recolle 71 fichas de elementos a protexer na cidade e 88 no rural, pero esta cifra crecerá exponencialmente nesta revisión, segundo Moreda.
O contrato para a actualización deste catálogo ascenderá a 38.000 euros máis IVE. Os interesados poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 1 de xullo e os adxudicatarios terán un prazo de quince meses para realizar este traballo.
O responsable de Urbanismo en Pontevedra explicou que o "punto de partida" para a elaboración da nova listaxe será o traballo realizado en 2004 para a redacción do novo PXOM que, finalmente, quedou paralizado e incluía un catálogo de bens culturais.
Nel, por exemplo, os elementos para protexer no rural crecían ata os 730, aínda que na cidade este incremento "non será tan elevado", apuntou Xaquín Moreda.
Ademais, tamén se partirá da listaxe elaborada por Patrimonio da Xunta de Galicia.
Entre os edificios que se incluirán neste novo catálogo, avanzan desde o goberno municipal, estarían entre outros o pavillón municipal de deportes deseñado por Alejandro da Sota ou as vivendas militares de Campolongo.
Esta protección obrigará a que actuacións futuras sobre cada un destes elementos deban manter a "idea inicial" de deseño pensada polos seus respectivos creadores.
A actualización do catálogo, sinalou Moreda, está "xustificada" pola necesidade de adaptar todos estes bens ás normativas aprobadas nos últimos anos e evitar así "inseguridades xurídicas", ao incluír entre outras cousas as intervencións autorizadas neles.
Cada ben que se inclúa no catálogo terá unha ficha individualizada na que se incluirá unha memoria do inmoble, os planos da construción e as normas de protección que afectan a cada un dos casos.
Todo iso, ademais, deberá estar avalado por criterios "obxectivos" e datos históricos.
Relacionadas:
-
Máis dun milleiro de elementos protexidos aparecerán no novo Catálogo municipal de Patrimonio
Por Anxo Lourido |
-
A revisión e ampliación do catálogo de elementos a conservar de Pontevedra, un traballo de 15 meses que xa pode empezar
Por Redacción |
-
Pontevedra abre as portas do seu "patrimonio invisible"
Por Alejandro Espiño |
-
As fotos de José Chás "quitan o pano" a un patrimonio industrial que está "camuflado" en Galicia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Propoñen aumentar a protección patrimonial a edificios modernistas e industriais
Por Alejandro Espiño |