Detido un mozo do Grove por roubar o motor dunha embarcación que subtraera na Toxa
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño do Grove, de 21 anos de idade e con iniciais I.V.M., como presunto autor do roubo do motor dunha embarcación que anteriormente tería subtraído na praia da Toxa.
Os feitos remóntanse aos últimos días do mes de xullo. Concretamente o dono da embarcación presentou unha denuncia no posto da Garda Civil do Grove o pasado día 26. Dous días despois, segundo informa a propia Garda Civil, púidose recuperar o barco na praia Ponte do Bao, en Noalla.
Unha vez recuperada os axentes comprobaron que carecía de motor, polo que continuaron investigando ata localizar e deter o presunto autor, que quedou en liberdade despois de instruírse as correspondentes dilixencias, remitidas ao Xulgado de Intrucción 2 de Cambados.