5.000 euros para mellorar A Peregrina e 3.000 para reformar Santa María
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra fixo entrega esta mañá de subvencións por un importe superior aos 8.000 euros para distintas actuacións na igrexa da Peregrina e na basílica de Santa María. O obxectivo destas axudas é contribuír ao mantemento de dous templos que son verdadeiros símbolos da cidade de Pontevedra.
As achegas foron entregadas pola deputada provincial Ana Isabel Vázquez, que a primeira hora da mañá mantivo un encontro con Carlos Lino Varela, presidente da Confraría da Virxe Peregrina, e Javier Puig, tesoureiro desta entidade.
Con eles abordou o labor que desenvolven na cidade, así como a situación actual do templo da Peregrina e as súas necesidades de conservación. Nesta liña, fíxolle entrega dunha achega de 5.036 euros que a Deputación concedeu para obras de reforma neste santuario.
Tamén para obras de mellora e reforma van destinados os preto de 3.000 euros que a Deputación concedeu á Confraría de Santa María A Maior.
Así mesmo, os responsables do Casino Mercantil recibiron de Ana Isabel Vázquez unha achega de 2.675 euros para diferentes obras nas súas instalacións de Mourente.