A Lama merca unha máquina especializada en limpeza a presión de pavimentos
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, e o tenente de alcalde, David Carrera, recibiron da empresa Baygar un remolque versátil especialmente preparado para a limpeza e desinfección viaria.
Este novo equipamento adquirido polo Concello da Lama irá "especialmente orientado a labores de prevención e loita contra o coronavirus", segundo indica o goberno local, aínda que pola súa versatilidade poderá utilizarse tamén para a limpeza e desinfección de beirarrúas, desentullo de tuberías na rede viaria pública e tamén para destinar a grandes superficies como os patios do colexio e mesmo o pavillón municipal de deportes.
O equipo de limpeza e desinfección vai montado sobre un remolque habilitado para transporte de 750 quilos sobre o que se monta un motor de presión, dous tanques de 400 litros, líquido desinfectante, 50 metros de mangueira e outros tantos para captación de rede de abastecemento de auga ou punto de captación e alimentación a este dispositivo de limpeza.
Ademais está dotado de toda unha serie de accesorios como un prato lavapavimentos, un "rato" para desentullos de tuberías, e lanzadeiras de hidrolavado con alta presión.
Jorge Canda cualificou este investimento de "moi útil e necesario" para que o Concello da Lama poida contar con ferramentas axeitadas para previr e loitar contra a posible presenza da Covid-19 xa que esta máquina limpadora permitirá incorporarlle líquido desinfectante, como pode ser un hipoclorito sódico mesturado nas proporcións axeitadas, para garantir a súa eficacia e sen causar perxuizos ao entorno natural.