Oito de cada dez pontevedreses en ERTE son traballadores do sector servizos

Por Alejandro Espiño
Os expedientes de regulación temporal de emprego, coñecidos como ERTE, seguen sendo a fórmula elixida por moitas empresas para tratar de sobrevivir á crise económica que está a provocar a alerta sanitaria pola COVID-19.
No caso de Pontevedra, segundo os datos que traslada o sindicato UXT, desde o inicio do estado de alarma polo coronavirus, a mediados do pasado mes de marzo, presentáronse na comarca pontevedresa 1.343 expedientes.
Estes ERTE afectan a uns 7.032 traballadores, dos cales un 78,66% (5.532 persoas) pertencen ao sector servizos, o máis castigado pola crise en Pontevedra.
Outros 911 pontevedreses inmersos nun ERTE traballan na industria, mentres que 570 son da construción e unicamente catro traballan en agricultura e pesca. Doutros quince afectados, aclaran desde UXT, non consta o seu sector de actividade.
UXT achega o número de expedientes presentados en Vilagarcía de Arousa, que ascenden a 497 e afectan a 2.206 persoas. Do mesmo xeito que en Pontevedra, é o sector servizos o que acumula máis traballadores en ERTE, ata 1.700. É dicir, un 77,06% do total.
Con respecto ás principais cidades galegas, unicamente en Ferrol presentáronse menos ERTE que en Pontevedra.
Vigo lidera a clasificación, con moita distancia sobre A Coruña. Na cidade olívica presentáronse 4.354 expedientes, que mandaron temporalmente a casa a 41.679 persoas; fronte aos 3.847 ERTE e 21.395 traballadores afectados da capital coruñesa.
Santiago, Lugo e Ourense, que oscilan entre os 12.076 e os 7.252 empregados en ERTE, sitúanse por diante de Pontevedra e Ferrol, con 791 expedientes e 2.883 persoas inmersas neste tipo de regulación, pecha esta lista.
Relacionadas:
-
Denuncian que unha auxiliar de Ence obriga aos seus traballadores a estar dispoñibles as 24 horas
Por María José Pita |
-
CC.OO denuncia que o servizo público de emprego deixa "orfos" aos desempregados
Por Redacción |
-
Tres de cada catro desempregados que abril deixou en Pontevedra son do sector servizos
Por Redacción |
-
Amigos de Galicia logra emprego para 11 persoas na provincia, pese ao estado de alarma
Por Redacción |
-
Benestar Social aumenta a partida económica destinada a Axudas de Emerxencia Social en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os hostaleiros queren apoio municipal para poñer en marcha un servizo "delivery"
Por Oskar Viéitez |
-
Quen terán máis citas previas a partir do luns: saúde ou estética?
Por Marisa Ciordia |
-
Dispáranse os pedidos a domicilio de pizzas familiares e menús infantís no ‘domingo dos nenos’
Por María José Pita |